lunes, 3 de junio de 2013

A IMPORTANCIA SOCIAL DOS TRASPLANTES

(…) son moitos os enfermos que esperan librarse da súa doenza mediante un trasplante para recuperar así unha vida normal. Sen embargo, hai unha barreira que frea esta esperanza: a escaseza de doazón de órganos. A lei establece que todos somos doadores agás que en vida se manifeste o contrario. Na práctica este precepto legal elúdese e pídese sempre a conformidade dos familiares do cadáver. A falta de información, os escrúpulos e incluso certos prexuízos atávicos axudan a explicar con frecuencia a negativa á cesión de orgános.
As campañas en favor da doazón de órganos, que ás veces nos chegan a través dos medios de comunicación, demostraron que a súa eficacia é conxuntural. Durante un breve período de tempo, a sociedade sensibilízase e aumenta o número de cesións. Despois, todo volve ó seu vieiro. A publicidade é un remedio transitorio. No fondo, trátase dun problema de mentalidade que só ten arranxo a través dunha educación responsable (…)


                 (M. Valdivia. “Doazón e trasplantes de órganos”. UNED, 1985)


Os alumnos e profesores do EPA de Ferrol queremos colaborar nesta educación responsable a través do Proxecto Salvavidas dentro do Plan Proxecta da Consellería de Educación (Xunta de Galicia). 

A vida de cada un de nós está chea de luces que no momento da morte chegarían a apagarse se non tiveramos o dereito a que sigan alumeando o camiño de tantos outros coma nós.